4 de marzo 1962
2 de novembro 2003
Poeta, tradutora, editora.
Xela Arias Castaño naceu en Sarria o 4 de marzo en 1962, co nome de María de los Ángeles. Filla de Amparo Castaño López e do escritor e tradutor Valentín Arias. En 1984 María de los Ángeles pasou a ser: María dos Anxos e dende os seis, Xela aínda que o cambio oficial de nome foi en 1995.
Os seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.
En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.
De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración e logo de corrección de estilo e de edición.
Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc…)
En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.
Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego textos de Gianni Rodari, Jorge Amado, W. Fernández Flórez, Roald Dahl ou Bram Stoker ; tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.
Sen abandonar as anteriores ocupacións, en 1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.
A súa morte en 2003, aos 41 anos, cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Voz singular na poesía galega contemporánea. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero.
Tras ser proposta en varias ocasións anteriores, (Plataforma de crítica literaria A Sega), en 2020 a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2021.
Poesía:
• Denuncia do equilibrio, 1986, Edicións Xerais de Galicia.
• Lili sen pistolas, 1986, obra inédita.
• Tigres coma cabalos, 1990, Xerais; con fotos de Xulio Gil.
• Darío a diario, 1996, Edicións Xerais de Galicia.
• Intempériome (xullo de 2003), Espiral Maior.
• Maldito lindo (obra inédita).
• Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) (2018), Xerais.
Traducións:
• Do castelán, Cabalum: Caballum, de Carlos Oroza (1983).
• Do portugués, Amor de Perdição: Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco (1986, Xerais, Premio de Tradução Sociedade da Língua Portuguesa.
• Do inglés, Fabled Cities, Princes and Jinn from Arab Myths and Legends: Cidades fantásticas. Príncipes e Xinns da mitoloxía e as lendas árabes, de Khairat Al-Saleh, con Valentín Arias (1986, Xerais),
• Do italiano, Favole al telefono: Contos ó teléfono, de Gianni Rodari (1986, Editorial Juventud).
• Do portugués, O Gato Malhado e a Andorinha Sinhá: O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor, de Jorge Amado (1986, Xerais),
• Do castelán, El bosque animado: O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez (1987, Xerais).
• Do inglés, The Witches: As bruxas, de Roald Dahl, con Lidia Iglesias Izquierdo (1989, Xerais).
• Do neerlandés Belledonne kamer 16: een dagboek uit het verzet Belledonne, habitación 16, de Anke de Vries.
• Do castelán Los corredoiras: Os corredoiras, de Juan Farias (1990, SM).
• Do inglés, Dubliners: Dublineses, de James Joyce, con Débora Ramonde e Rafael Ferradás (1990, Xerais).
• Do castelán, El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha: O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, de Cervantes, con Valentín Arias, Xosefa S. Fernández, A. Palacio Sánchez, Xavier Senín e Xesús Senín (1990, Xuntanza).
• Do neerlandés, Os cómics de Franka, de Henk Kuijpers, con María Xesús Lameiro (1990-1992, Xerais). Incluíndo os cinco títulos: Os dentes do dragón, A caída do dragón, Competencia a morte, A volta do sol do norte e A vinganza do barco fantasma.
• Do portugués, Rosa, Minha Irmã: Rosa Rosa, miña irmá Rosa, de Alice Vieira (1990, SM).
• Do portugués, Caminhando sobre as águas: Camiñando sobre as augas, de José Viale Moutinho (1993, Xerais).
• Do inglés, The Last of the Mohicans: A Narrative of 1757): O derradeiro dos mohicanos, de James Fenimore Cooper (1993, Xerais). Premio Ramón Cabanillas.
• Do castelán, A cantiga de amor, de Vicenç Beltran Pepió (1995, Xerais).
• Do neerlandés, Briefgeheim : A carta en clave de Jan Terlouw (1995, SM).
• Do inglés, Drácula, de Bram Stoker (2000, Xerais).
• Do inglés, Black Venus: Venus Negra, de Angela Carter, en colaboración con Xabier Muguerza Martínez (2001, Xerais).
• Do castelán, Relatos, de Gloria Pampillo (2002, Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego).
• Do francés, Le Spleen de Paris: O Spleen de París de Charles Baudelaire (Bivir), Premio de Tradución Plácido Castro 2004 (póstumo).
• Do inglés Wide Sargasso Sea: Ancho mar de sargazos, de Jean Rhys, inconclusa.
Fonte: wikipedia, a enciclopedia libre.
Escolla poética:
NOCTURNIDADE
caen inverno as chuvias longas as melenas
a cidade revolcadas
-ascenden paxaros abertos-o fume do meu cigarro
recóllome
aposto gritos na noite
se che falo non collo no cuadrilátero da habitación
saio
pasado o solpor xunguín fios nebulosas onte
nos prostíbulos de horas que son -sen sol-nas rúas
interna visión para esgazados habitantes
degrañando sentidos -un lapsus- nos interiores
xunguín fios nebulosas foi dicir
denuncia-lo equilibrio das estancias
as miñas estancias descubertas pasado o solpor
-cando a chuvia nos deixou roto oeste vermello
no horizonte-
os corpos na luz morna que produce a escuridade
(caio-suaviño chapuceo)
e hoxe despois de onte só eu – sei do segredo
Denuncia do equilibrio, 1986
I. MONÓLOGO ADICTO
Ignoro que lugar é este onde me atopo
cos meus ósos e os silencios das palabras.
Detesto esa voz que vén tan alta
coa que persegues da miña morte detalles.
Só teño para ti xestos primarios.
Despedazada,outros xa van gastados.
Un día tiven desexos e cumprínos,
na roda da fortuna xoguei con talla,
Se xa só teño necesidades, ¿ que dis ti
entre esas frases? É doutro de quen falas
II. MONÓLOGO ADICTO
Non teño desexos.
Todo para nada e pronto.
Por un paquete de cigarros e unha palabra amable
cambio.
O resto da miña vida.
Todo para nada e pronto
o que me resta.
Sei que non teño desexos.
Recréome na propia suor.
Alivia o pudor con que miráde-los
ollos perdidos nas miñas cellas caídas.
Todo
para nada.
O que me resta.
Esa teoría non te salva
da incompetencia.
Por un paquete de cigarros…
a auga do mar cando me afoga
son brazos de rúas que cruzan cidades.
Non ter un desexo.
Vou vestido e canso
de bracear
paso
e déixome baixar.
Nos baixos do mar había un mundo de area e bechos que non coñecerás.
III: MONÓLOGO ADICTO
Xa non teño fala.
Despois de recorta-los verbos quedei sen lingua
á que atender.
A nosa inmensidade remata un centímetro á redonda.
Non fales comigo,
deixei á posta o código
nas escaleiras de entrada ás casas.
Recortei,coma quen non quere, os ámbitos.
Case me perdo,meu,entre os paseantes.
Así que, recortei os ámbitos.
Agora teño un idioma inclinado nas entrañas.
E perdín para botalo fóra todo interese.
¿Que máis me ten que a min me entendas?
Tigres coma cabalos, 1990
Camelízateme
en sol de inverno
e figura instantánea
no mencer das néboas.
Axaponada que me distraes
Emboscadas espidas de zardín caduco,
camelízame,
Camelízame a gusto e incorpóranos
no rexistro das ausencias conquistadas,
incorpórano-la cor calquera.
Camelízateme que velaí vén en mimosa fera a primavera.
Camelias para ela
Folleto publicado polo Concello de Vigo, 1999
Onde cantan os poetas
a nos lembra-lo que non foi
ou puido ser,
vese a dor da inmobil, invariable
medida do silencio que resta.
Silencio que resta, ou non que nos restan.
O ritmo do silencio historiou sempre
a aparencia de acougo
Estupefaciente.
VENCERSE E COUSA DE SE TRATAR
Intempériome
De certo, a vida ía en serio.
Por iso morrer non conta
Números.
Eras moza,
cómplice nunha derrota que non
sumabas. Feliz por terte insomne
por inmortal.
Xa temos cadáveres amigos
e coñecidos,
sabemos da morte o legado inútil.
Pero ¡que ridículo!, ¿non?,
abraza-lo feito feliz de xa medrar
-camiñar ás aforas en tempos asepticamente tan
Alineados.
VENCERSE É COUSA DE SE TRATAR
Intempériome
Deja una respuesta