1912- 1979
Celso Emilio Ferreiro Míguez (Celanova, 6 de enero 1912 – Vigo, 1979) foi un escritor e poeta.
Pertencía a unha familia acomodada campesiña e galeguista. Aos 20 anos, en 1932, organizou con Xosé Velo Mosquera, As Mocedades Galeguistas de Celanova participando na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas en 1934. Pouco despóis foi procesado por un artigo publicado en Guieiro, revista que él mesmo dirixía.
Mobilizado na Guerra Civil polo bando franquista, estudou posteriormente Dereito, contribuindo asi mesmo en diversos xornais e revistas. A publicación do poemario Longa noite de pedra (1962) levoulle a súa consolidación como poeta social. Un ano despóis da publicación de Longa noite de pedra fundou, xunto co escritor Xosé Luis Méndez-Ferrín e outros intelectuais gallegistas a Unión do Povo Galego.
En 1966 tivo que emigrar a Venezuela, onde colaborou coa Hermandade Gallega, fundou o Patronato da Cultura Galega, e traballou no gabinete do presidente Rafael Caldera. Mercé á súa iniciativa se grava e se edita en Caracas en 1970 o primeiro disco LP en galego, Galicia canta, onde ademáis de ser o autor de algunhas das letras e da presentación do disco con seu pseudónimo de Arístides Silveira, él mismo interactúa con Xulio Formoso tocando o pandeiro.
De volta da emigración instálase en Madrid, onde traballou de xornalista. En 1977 foi candidato ao Senado polo Partido Socialista Galego. Produciu prosa e poesía en castelán e galego, salientando na poesía en galego, de fondo contido social. Foi a súa poesía coa que acadou a sona de grande escritor. Foille dedicado o Día das Letras Galegas en 1989.
Poesía:
• Cartafol de poesía, Edición de Autor, Celanova, 1936
• Al aire de tu vuelo, Edición de Autor, Pontevedra, 1941
• Bailadas, cantigas e donaires, Ediciones Céltiga , Pontevedra, 1947
• Musa alemá, Benito Soto, Pontevedra, 1951
• O soño sulagado, Colección Alba, Vigo, 1955
• Voz y voto, Edición de Autor, Vigo, 1955
• Longa noite de pedra, Salnés, Vigo, 1962
• Viaxe ao país dos ananos, El Bardo, Barcelona, 1968
• Cantigas de escarnio e maldecir, Agrupación NÓS, Caracas,1968
• Terra de ningures, Ediciós Xistral, Monforte de Lemos, 1969
• 13 poemas iracundos y una canción inesperada, Revista Expediente Nº 2, Caracas, 1970
• Antipoemas, Colección Álamo, Salamanca, 1972
• Poemas prohibidos, Edición de Autor, Caracas, 1972
• Autoescolha poética (1954-1971), Razao Actual, Oporto, 1972
• Cimenterio privado, Roi Xordo, Xenevra, 1973
• Os autentes, Ediciós Pirata S.A., Caracas, 1973
• Fóronse á puñeta, Alianza de Emigrantes Nacionalistas (ALEN), Caracas, 1973
• Donde el mundo se llama Celanova/Onde o mundo se chama Celanova, Editora Nacional, Madrid, 1975
• Al César enano, Ediciones El Caballo del Diablo, Madrid, 1975
• libro dos homenaxes, AKAL Editor, Madrid, 1979
- O Cabronario. Celso Emilio Ferreiro. Poemario de Resistencia, 1950-1973. LUSCOFUSCO EDICIÓNS. Editorial Elvira, 2024.
Fuente: wikipedia e Celso Emilio Ferreiro: Obra completa I, II. Colección Arealonga. director: Xesús Alonso Montero, 1975.
Escolla poética:
Lendo certo período menstrual
Olla meu irmao honrado
o que acontece con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.
O palurdo de alma lerda
O tendeiro desertor,
O vinculeiro da merda
disfrazado de señor.
O lurdo carca refrito
o monifate de entroido
o aprendiz de señorito,
marqués de quero e non poido.
O badoco endomingado,
o franquista pousafol,
o forricas desleigado,
o pequeño burgués mol.
O devoto do onanismo,
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo,
o que dá gato por lebre.
O rateiro do peirao,
o refugallo incivil,
válense de Castelao
pra esconder a caste vil.
Escoita puto nefando,
criado na servidume
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.
Grotesco escriba sandéu,
inxertado nun raposo.
Castelao nunca foi teu,
porque Castelao é noso.
I anque a ti che importa un pito,
sabrás que é cousa sabida,
que estás incurso en delito
de apropiación indebida.
Cantigas de Escarnio e Maldecir, 1968
(Libro subscrito por Arístides Silveira, o seu pseudónimo utilizado en Caracas).
Deitado frente ao mar
Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…
Longa noite de pedra, 1962
Monólogo do vello traballador
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.
Longa noite de pedra, 1962
Saudade
A silandeira sombra sin consolo
de aquil que fun, decote vai conmigo.
Lexano amor, hedra que medra e medra
dentro de min rubíndome amodiño.
Aquil que fun non son, por iso estamos
xuntos os dous. Aquil que entonces era
coma un río fuxíu, pero quedóuse
coma o río que pasa e sempre queda.
Fecunda sementeira do pasado,
espello meu, única vida viva,
tódalas cousas morren i esmorecen,
somente ti, lembranza, te eternizas.
Espello meu, no que me estóu ollando
iste que agora son xa non esiste.
O tempo faise estatua na saudade
i eu morro de saudades cada intre.
O soño sulagado, 1955
UNHA ROSA É UNHA ROSA QUEN O DUBIDA
Asistín uhna noite
Ó nacimento dunha rosa
Namorada do vento.
E aínda máis, miña Xertrude,
Pura, alcendida rosa,
Émula da chama:
A rosa american beauty
Pode ser frabicada
Asesinando os brochos
Que ó seu carón abrollan,
Mais, por favor, colléi a rosa
Sin abalar a roseira.
Rosas, medrái e multiplicádevos
Até invadir as caixas de caudás,
Até inutilizar as metralletas.
Porque os tiráns, xamáis tiveron rosas
Poñen rosas de sangue nos nosos ollos.
Non a toquédes máis, que así é a rosa
Pra cando as frautas victoriosas chifren
Na rúa dos profetas.
A vida pasa envolta en mouro vento
I afúndese no mar. Os días xurden,
Os homes medran e reprodúcense,
A chuvia cai perene sobre o mundo,
E todo disque o lume será o árbitro
Do combate final, cando as marés
Se acheguen con escumas de xenreira.
Calquera día falaréi da rosa,
Agora teño presa,
Quero intuir
—oráculo de Delfos cibernético—
Cántos ánxeles caben
Na testa atómica
Dun foguete balístico.
Cifrar as inxusticias vertebradas,
Deducir os aldraxes invertidos
Estadísticamente,
Saber a cántos lobos tocamos por familia,
Indagar as torsiós por kilómetro cadrado,
Medir a xeografía dos famentos
I a libre xeometría do mundo ídem,
Os intereses descompostos,
Os embalses de soños
Cos seus kilovatios-hora de esperanza,
As delaciós coordenadas,
As coordinadas cárceres de berros,
Ollos cántos chorando gases bagoentos
Matemáticamente detectados.
Dona computadora,
Dígame cifras, quero saber números
De balas disparadas,
De leises promulgadas,
De específicas fórmulas de morte,
De silencio absoluto
Pra organizar o tempo
Do gótico flamíxero
Nos camposantos dóciles.
Agora teño presa, rosa amante,
Quero saber qué cousa é ser home
Neste días de fornos alcendidos.
Antipoemas, 1972
Romance de cego In Memoriam de Federico García
“Buscaba el amanecer
y el amanecer no era”
F. G. L.
O dazanove de agosto
chegóu a morte a Viznar.
Entróu vestida de ialba,
pro a ialba nunca virá.
A noite envolta en farrapos
comenzóu a disparar
relampos diante da ialba,
pro a ialba nunca virá.
Levaron a Federico
camiño do máis alá.
Os galos ventan a ialba,
pro a ialba nunca virá.
Cerrollos de aceiro frío
brilaron na escuridá.
Mentiron luces de ialba,
pro a ialba nunca virá.
Longo túnel de silencio
atravesou a cidá.
Granada pedíu a ialba,
pro a ialba nunca virá.
Murallas de pedra e sombra
coutaron a libertá.
O pobo recrama a ialba,
pro a ialba nunca virá.
Sangue de estrada e cuneta,
pro a ialba nunca virá.
Berros de anguria e carraxe,
pro a ialba nunca virá.
¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar,
dime que ialba virá,
dime
que
virá.
Oito homenaxes, CEF: Obra completa, II, 1975
Eiquí será
Quero morrer eiquí (cando me chegue
a hora da viaxe que me agarda).
Eiquí, niste silencio
de pombas arruladas,
niste vento que dorme nos piñeiros
un profundo soño de arelanzas.
Quero morrer eiquí con ollos postos
no fumegar das tellas, na borralla
do tempo, frente a frente
de min, aberta a ialma
aos latexos das horas, nunha tarde
ateigada de arpas.
Van e veñen as nubes viaxeiras,
as anduriñas pasan.
O pandeiro da chuvia
repinica unha maina
melodía de outono,
que no roncón do río se acompasa.
Quero morrer eiquí.Ser sementado
nesta miña bisbarra.
Finar eiquí o meu cansancio acedo,
pousar eiquí pra sempre as miñas azas.
Onde o mundo se chama Celanova, 1975
Xaneiro 1972 II
O pan é máis útil que a poesía,
pero ¿cómo comer o pan
sin o compango da poesía?
A.S.
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.
Onde o mundo se chama Celanova, 1975
Poema leído polo seu fillo Xavier, no cemiterio de Celanova no seu pasamento, 1979.
Deja una respuesta