Luz Pozo Garza

 Ola a todas as persoas interesadas pola poesía.

Elaborei esta reseña de Luz Pozo Garza, o 29 de marzo, hai catro anos, confírmamo as entradas no  meu blog. Tiña entre as miñas mans poemas desta poeta que foron precisamente os recitados na apertura do Día Mundial da Poesía no Recital poético do 21 de marzo 2020 polo grupo poético: Nos queda la palabra (facebook), pódese ver en:

https://youtu.be/M5lQ2ZfHZjc

 Pouco tempo despois, a poeta emprendeu unha viaxe cósmica e xa non a temos entre nós.

¡¡¡ Grazas, moitas por transmitirnos a  túa sensibilidade ante la vida, ante a poesía!!!

No 2022, centenario do seu nacemento, houbo unha Exposición sobre esta poeta na Biblioteca do Gaiás, en Santiago de Compostela, comisariada por Olivia Tudela, clausurada o 4 de outubro. 

A falla do vídeo proxectado no momento da clausura da  referida exposición, partillo unha entrevista feita por María do Cebreiro a Luz Pozo Garza en 2019.

 

Luz Pozo Garza

1922-2020

Ribadeo, 21-xullo-1922

La Coruña, 20-abril-2021

Dolores Elvira Pozo Garza, Luz Pozo Garza é unha poeta galega e membro da Real Academia Galega.
Comezou a estudar en Ribadeo con Prieto Coussent. Con catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia primeiramente a Lugo e, logo, a Larache (Marrocos). De volta en Galicia, instalouse en Viveiro. Ten estudos musicais que deixarán unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica.
Os seus primeiros traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula ou Vida Gallega. Dionisio Gamallo Fierros, segundo a mesma autora, foi o seu mentor.
Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión.
É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996. O seu discurso de ingreso na RAG titulouse: Diálogos con Rosalía e foi respondido por Xesús Alonso Montero.
Luz Pozo Garza é, segundo Rosario Álvarez Blanco «unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca, 1952 ,que inaugurou a colección Xistral. Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez.

 

Obra en galego
Poesía:

  • O paxaro na boca, 1952, Colección Xistral.
  • Últimas palabras / Verbas derradeiras, 1976, A Coruña: Nordés. Versión galega autotraducida do orixinal castelán.
  • Concerto de outono, 1981, Edicións do Castro.
  • Códice calixtino, 1986, Sotelo Blanco.
  • Prometo a flor de loto, 1992, Deputación da Coruña.
  • Vida secreta de Rosalía, 1996, Espiral Maior.
  • Ribadeo, Ribadeo, 2002, Xunta de Galicia.
  • Medea en Corinto, 2003, Linteo, edición bilingüe galego-castelán.
  • Historias fidelísimas: poesía selecta 1952-2003, 2003, PEN Clube de Galicia.
  • Memoria solar (obra poética íntegra), 2004, Linteo.
  • As arpas de Iwerddon, 2005, Linteo.
  • As vodas palatinas, 2005, Espiral Maior.
  • Deter o día cunha flor, 2009, Baía Edicións. Con ilustracións de José Valentín.
  • Rosa tántrica, 2016, Alvarellos.

Obra en castelán
Poesía:

  • Ánfora, 1948, Vigo.
  • El vagabundo, 1952, Ribadeo.
  • Cita en el viento, 1962, edición da autora, Viveiro.
  • Últimas palabras/Verbas derradeiras, 1976. A Coruña: Nordés.
  • Sol de medianoche, 2013, Eurisaces.

Ensaio

  • A bordo de «Barco sin luces» ou o mundo poético de Luís Pimentel, 1990, Sotelo Blanco. Edición corrixida e ampliada no 2011, publicada en Alvarellos.
  • Álvaro Cunqueiro e «Herba aquí ou acolá», 1991, Galaxia.
  • Galicia ferida: a visión de Luís Seoane, 1994, Edicións do Castro.
  • Diálogos con Rosalía, 1996, Real Academia Galega.
  • Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo, 1996, Espiral Maior.
  • Tres poetas medievais da ría de Vigo, 1998, Galaxia

 

A miña escolla poética:

Agora que regresa a primavera
por riba de Seivane nas terras de Abadín
e vai deixando sámago nos bimbios.

Agora que retornan as floracións antigas
e unha bris delicada fragmento de escritura
vai liberando a alma.

Agora me decato da presencia do amigo
cando as aves concertan o equinoccio celeste
e os bois en Lamanide
levan na cornamenta unha roda solar.

Atrás quedou a aldea
a páxina purísima escrita en neve
o principio da patria
a pureza inocente que respiran os nenos
e dá tempero a alma.

¿Lémbraste, meu amigo?
A luz deixaba formas de saudade
e a frescura das pedras
podía modular os ámbitos do río
lámina impresionista na mañá fuxidía.
Era o tempo
en que as rapazas novas apañaban nos fieitos.

Lembraraste ás vegadas da mudanza das follas
dos espacios marcados por unha chuvia límpida
da textura da frol rosada das silveiras
da imprecisa distancia que vai da vida á morte
aló por Vilarente.
O serán descendía coma un palio
sobre das terras de Mondoñedo
no tempo dos hexámetros latinos.

Era a consagración da primavera
na materia das árbores na ledicia do vértigo
na memoria das églogas:
Silvestrem tenui Musam meditaris avena.
Viña a palabra nova
na fábula do amor no principio da música
no esplendor imprevisto das maceiras.
Chegaría unha carta de Virxilio:
Sunt nobis mitia poma.

 

ELEXÍA POLA FILLA DUN MARIÑEIRO

Ollei a porta aberta
a escaleira que xemía en soidade
o salaio do vento
na cortina da fiestra
o cadaleito sobre o chan.

Un cirio pode ser o limiar da morte
unha pregaria derradeira no murmurio do pranto
o perfil do silencio…

Rapaciña calada no engadelo das sombras
furtada na mañá das abelaíñas
quizais a saba é longa como un bico
longo o mesmo cá mágoa.

Se cómpre
Has escoitar coma se fose un fío
Una frauta de cinza
E pode ser que a mar coma un fagot ferido
Soe noite tras noite

Velaíña da morte, Concerto de outono, 1981

 

SUBIDA Ó PÍA PAXARO

Cuanto más alto subía
San Juan de la Cruz

Chegabamos á luz collidos polo van
en procura de nós
En procura dos cumios para apreixar a terra
na ascese da ascensión
Para abrazar a vida
A galicia en silencio

Para beber amor un grolo de luz viva en presente purísimo
Esquecidos anceios e arelanzas

As aves dominaban os espacios gloriosos
Onde fuxen as sombras

Aspiramos un hálito de xestas e de laxes
un recendo de espiños
o sobresalto dos insectos
o frío delgadísimo da saudade absoluta
que fire e cega silenciosamente

Recolle todo na túa alma -dicías-
Este é o meu agasallo

Xúntanse as mans nunha pregaria
E os labios fuxidíos respiran o misterio da luz
A súa potestade sobrehumana

Demanda do Grial, Prometo a flor de loto, 1992

“…SAD ROSE OF MY DAYS ! ”

Como naquela rosa sempre ilesa de tanto amor
transito polos parques remotos deste inverno
en Dublin.

E séntome a ler un vello libro
“ rose upon the road of time na saudade de Yeats
ou na paixón azul de Lady Gregory
para os días de asombro

E lémbrome dos días máis felices
no parque de Castrelos

Asumimos no tempo a lisura dos soños que son
a propia vida

Aquela rosa humilde que florece na sombra
para nos dar a luz

Rosa vermella
rosa de pétalos tristísimos
rosa tan abatida como este solpor celta…

Ti podías cambiar o destino das aves
Ti podías cambiar os ocasoso feridos
Ti podías cambiar as follas dos outonos
nos vieiros amados
pola resa insubmisa que nos salve da morte

Ti podías, amor“Onde vai o meu amigo?”

As arpas de Iwerddon, 2004

 

 

 


Publicado

en

por

Etiquetas:

Comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *