Luísa Villalta

 

Luísa Villalta é a sexta muller á que se lle dedica O Día das Letras galegas.
As anteriores, en orde cronolóxica foron:
• Rosalía de Castro, 1963
• Francisca Herrera Garrido, 1987
• María Mariño, 2007
• María Victoria Moreno, 2018
• Xela Arias, 2021.

Pequenísima introduddión á súa biografía:

Luns 14 de xullo de 1957, nacemento na Residencia sanitaria Juan Canalejo, co nome de María Luísa Villalta Gómez. Á primoxénita sucedería unha irmá, Susana.
Dunha familia chamada cascarilleira, de clase media con raíces na cidade. A poeta lembraría nos seus almorzos e merendas coruñeses precisamente a base de cascarilla. Extraída da semente de cacao, sucedáneo de chocolate que se tomaba con auga ou leite.O seu pai, profesor mercantil, traballando na banca, a súa nai, no comercio. Herdou dos proxenitores a afección pola Música, en concreto pola Ópera.
A familia habitaba nun pequeno edificio urbanizado de xeito algo caótico a mediados dos 50. Daquela a rúa fora chamada do Gurugú polos veciños que loitaran contra as tropas marroquís naquel monte de Melilla pero nomeado oficialmente como Travesía da Falperra. Na actualidade como rúa Vila de Laxe. A certa distancia da Cidade Vella ou Cidade Alta.
No baixo deste edificio onde a escritora habitou case toda a súa vida, a excepcións duns poucos anos, A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) puxo unha placa que di:

 

 

Nesta casa viviu e soñou a poeta
Luísa Villalta
aquí as súas mans modelaron
a lingua, os sons, o que habita
no outro lado da música, na poesía.

A Coruña, 28 de setembro de 2014

 

Obra literaria
Desenvolveu os catro xéneros literarios:
Poesía-Narrativa-Teatro-Ensaio.
Engadindo a todo isto: tradutora.

 

Poemarios:
Música Reservada, 1991
Ruído, 1995
Rota ao interior do ollo, 1995
En concreto, 2004
Papagaio, 2006
As palabras ingrávidas, 2020.

 

Escolla poética:

En soneto de sons que soan sendo
a melodía do que eu son na eséncia
inconsciente de ser, unha preséncia
sen máis sentido de soar sabendo,

a monodia do viver entendo,
fluindo como o son, en transcendéncia,
improvisado ritual, ausencia
no eco que a memoria vai perdendo.

Número e canto, necesária vía
por que ascendo as escadas, se afastasen
a razón da intuición, que o ritmo cria.

E transgrido a palabra, se soasen
outras voces que o sentido ouviría
cando os sons da súa música calasen.

Música reservada, 1987

Debilidade

Porque non son soldado nen suicida,
confeso que son débil
e que na miña debilidade
vin os ollos da morte,
e tiñan o teu nome, Xerusalén,
un nome amurallado pola destrucción.

Confeso que son débil
e que vivo ofuscada polo vicio da razón
que me fai ensoñar un mundo poderoso de xustiza
empezando pola miña propria rúa
e que teño delirio imperialista
de querer chegar a dominar os que dominan
e denunciar como se esconden por detrás do muro
onde non lamentan nada
porque a dor non lles pertence.

O meu pracer é insultar os seus disparos virtuosos
e maldicer a súa epopea triunfal
consistente en non deixar medrar os nenos
que condenaron a vagar xa para sempre
Entre os entullos mesturados cos cadáveres.
Ante a miña blasfemia, como en eco,
ouvín queixarse os deuses,
afeitos a eses templos suntuosos,
torcidos de dor nas cabezas como a miña
embotadas polo afán de liberdade
pedindo non ser tan cruelmente ameazados pola paz
que se avista cabalgando na razón e na esperanza
cada día en que se clama pola paz,
cada vez que o día estoupa.

Hai aínda tantos nenos esperando turno para non nacer
que se agolpan entre as pedras
mentres a voz dun deus escravo
envía lexións de anxos coas botas da milicia enfurecida
repartindo os naipes do seu proprio temor

Eu confeso que son débil,
que son moito máis débil que o odio
máis débil que a pobreza ante a riqueza inegociábel
máis estraña que o hábito vencido da represión
Por iso pido a paz
pido a paz e un estado popular
para o pobo pobre
débil coma min en Palestina.

Esta foi a súa derradeira intervención pública o 26 de febreiro de 2004 nun recital de poetas galegos solidarios con Palestina no que ela colaborou con este poema.

Puta

Palabra que debería ser final e non comezo,
Porque o destino quizá exista
pero non está destinado a ser unha pronunciación precoz
nen ten dereito a ferir a inocencia anterior á inocencia mesma.
Puta: palabra aínda, sen muller dentro
sen home furando a palabra para conseguir a muller
que fica sempre agachada na sombra inaccesíbel do tambor
aturdida polas oclusivas dun destino envolvente
e violador tal vez, ou tal vez seducido pola imposibilidade
dun amor material-maternal,
un amor oclusivo que se peche ao diñeiro
mais destino ao fin, sen destino portanto.
A puta nunca excede o papel teatral da palabra.
Aínda morrendo en escena, no bar, no escusado,
a puta é sempre irmá da que quizá sobreviva
na rexión temporal da despedida e a intención,
nese lapso que sobrevoa as cabezas dos falsos amantes,
a que leva as contas, as débedas, os abortos, os papilomas,
a única que teme e garda o lume contra a frixidez,
a irmá inverno que florece a destempo,
a irmá máis pobre que a pobreza
pero non puta aínda, aínda núbil e instintivamente lasciva,
unha lembranza do sexo aberto do amañecer,
a cona fértil de probabilidades,
o clítoris sorpresivo ou unha idea indefinida da felicidade.
Pero puta non, xa e aínda non.
Porque puta é tan só un estourido final que acaba axiña
un reventón do destino, o orgasmo alleo, obrigado ou finxido,
de meia, unha hora repetida e multiplicada
por cincuenta ouros falsos, un chute por mamada,
un tambor sen nada máis que pel e óso,
unha alma que se estira dolorosamente para facer son
e esperta brutalmente no meio da anestesia da vida.

Papagaio, 2006

Xurdiu despois da demolición do barrio chino Papagaio, no distrito Zalaeta-Orzán para colaborar nun libro de fotografías de Maribel Longueira, testemuñando este feito.

 


Publicado

en

por

Etiquetas:

Comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *